O Festival Internacional de Cine Euro-Árabe Amal, presentou a súa sétima edición no Salón de Convencións do Hotel Meliá Araguaney de Santiago de Compostela. O festival é unha iniciativa da Fundación Araguaney-Ponte de Culturas que este ano celebra o seu 25 aniversario.
O director do Festival Ghaleb Jaber Martínez estivo acompañado por Alfonso Cabaleiro Secretario Xeral de Medios da Xunta de Galicia, Socorro García Conde Concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Teresa Porto Directora da Fundación Caixa Galicia, Montse Besada Xefa de Produción Allea de TVG, Fernando Redondo Vicedecano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e Eduardo Galán representante do xurado, entre outras autoridades e numerosos representantes dos medios de comunicación, que quixeron coñecer de primeira man as novidades da nova edición de Amal que se celebrará do 23 ao 31 de outubro.
O Festival traerá a Santiago de Compostela proxeccións de 36 películas en competición, que abordan a variada realidade dos países árabes desde a ficción e o documental, en formato de longa e curtametraxe. O conflito palestino-israelí, o papel da muller no mundo árabe e a inmigración son algúns dos temas recorrentes nestes traballos. Eduardo Galán destacou a gran calidade dos 44 títulos que se poderán ver este ano, entre o programa oficial e os ciclos paralelos, e definiu Amal como o festival “con máis contido social dos que teñen lugar en España”.
Ademais das películas a concurso, Amal presenta unha interesante programación de actividades paralelas que van desde o ciclo didáctico de curtametraxes árabes para nenos e o programa monográfico sobre os anos dourados do cine exipcio ata outras propostas de índole lúdica e cultural, como as xa tradicionais xornadas sobre gastronomía árabe do Restaurante Caney, o reto Amal Express, a exposición “Artistas árabes. Fondos Fundación Araguaney” que se poderá visitar de xeito gratuíto na propia Fundación ou a actuación do músico alxerino Faiçal Salhi, que poñerá o broche de ouro á presente edición do Festival na Gala de Clausura.
O nome do Festival é unha palabra árabe que significa esperanza e leva traballando, desde 2003 coa esperanza de aproximar ao público a realidade social e cultural do mundo árabe. Ao longo deste anos, o festival obtivo unha gran difusión nacional e internacional e consolidouse grazas a unha excelente acollida por parte do público, o que o converteu nun dos principais festivais de cine árabe do mundo, ademais de ser o único en Europa centrado nesta temática. Debido a este éxito, este ano ampliarase o número de lugares de proxección: Salón de Convencións do hotel Meliá Araguaney, Teatro Principal e a Fundación Caixa Galicia.
Un ano máis, Amal constituirá un punto de encontro de referencia para todos aqueles que desexen afondar na vasta realidade do mundo árabe.
Creatividade en tempo express
Nunha firme aposta pola creatividade, o Festival Internacional de Cine, Euro-Árabe Amal en colaboración con adnstream.tv convoca o concurso Amal Express, un concurso on-line no que creadores de todo o mundo disporán de 96 horas para realizar unha curtametraxe. Amal Express é unha proposta que ofrece a posibilidade de participar nunha experiencia dixital intensa e inmediata, gravando unha curtametraxe nun tempo Express. Esta nova sección quere ser un lugar de creatividade, innovación e experimentación que promova a cultura dixital a través do cine. A mecánica do concurso tamén quere constituír unha ventá que permita dar a coñecer, en todo o mundo, os traballos que participan en Amal Express. Amal Express busca unha resposta rápida e creativa, propoñéndolles un reto aos creadores: a realización dunha curtametraxe, dunha duración máxima de 5 minutos, nun tempo express.
Para inscribirse, hai que descargar a folla de inscrición na web www.festivalamal.es, cubrila e enviala ao correo amalexpress@araguaney.com Na mesma web farase público o tema sobre o que teñen que versar as curtametraxes participantes o 23 de outubro.
Tamén hai que darse de alta como usuario no portal www.zappinternet.com para poder subir os vídeos. Os traballos que participan poderan ser visionados e votados na canle Amalexpress de adnstream.tv.
A partir de aquí, empeza a conta atrás: quedan noventa e seis horas, ata as 12:00 do 27 de Outubro para realizar, montar e subir a curtametraxe. Haberá cinco finalistas e un gañador que será anunciado na gala de clausura do Festival. O premio á mellor curtametraxe está dotado con 500 euros.
|