Amal 09 clausurouse este sábado cunha entretida Gala no teatro Principal de Santiago de Compostela. No acto, presentado por Roberto Vilar ante a presenza de numerosas autoridades, déronse a coñecer os gañadores desta edición do festival, que cumpriu sete anos de éxitos. Entre os premiados houbo traballos franceses, libaneses, palestinos e españois, como a gañadora do premio á mellor longametraxe de ficción que foi “Un novio para Jasmina” dirixida por Irene Cardona. O premio para o mellor actor tamén foi para un intérprete deste filme: José Luis García Pérez. O galardón á mellor longametraxe documental foi ex aequo para “El pueblo de un solo hombre”, do libanés Simon El Habre e “Checkpoint rock. Canciones desde Palestina”. Fermín Muguruza, o músico vasco dirixiu xunto con Javier Corcuera este documental producido por Antón Reixa, que veu recolle-lo premio. Como mellor curta de ficción foi elixida a francesa “La ruta del Norte”, mentres que a palestina “Un extraño en mi casa” resultou elixida a mellor curtametraxe documental. Rashid Masharawi conseguiu o premio á mellor dirección por “El cumpleaños de Laila” e Suheir Hammad o de mellor actriz por “La sal de este mar”. Rosa Vilas, a directora de Televisión de Galicia, entregou o premio TVG que foi para “Granadas y Mirra”; O premio do público correspondeulle a un traballo excepcional: “Al Nakba”, unha produción de 200 minutos avalado polos dez anos de investigación que levou a cabo a súa directora: Rawan Al Damen. No lado oposto en canto a duración: o título gañador da proposta Amal Express, La báscula, unha curtametraxe realizada en soamente 96 horas.
|