CTV | CTV, 25 anos de historia audiovisual de Galicia

  CTV, 25 anos de historia audiovisual de Galicia

01 February 2010
 
A produtora foi fundada seis meses antes que a Compañía de Radio Televisión de Galicia.
Hoxe en día é produtora de cine e tv e escola para técnicos e novos talentos, que forma parte do Grupo de empresas Araguaney.

CTV celebra este ano o seu 25 aniversario, convertida nunha empresa de referencia para o sector audiovisual, tanto no campo dos servizos como no da produción de contidos. A súa historia, que arranca en xaneiro de 1985, corre parella á da Compañía de Radio Televisión de Galicia, que empezou a emitir en xullo dese mesmo ano. Unha aposta arriscada nun momento en que en Galicia non existía apenas produción audiovisual nin a infraestructura precisa para levala a cabo.

CTV é responsable de fitos como o primeiro concurso emitido en prime time na TVG, A noite meiga (1987), a primeira produción de ficción galega para televisión Novo de Parmuide (1987) ou a primeira serie de televisión feita en Galicia: Os outros feirantes (1989). Ademáis, programas clásicos do imaxinario colectivo da nosa comunidade como Supermartes, O rei da comedia, Pasarela de estrelas, O pais dos enanos ou Gran Casino saíron das súas instalacións. Actualmente produce Cifras e Letras e Land Rober.

CTV dedica unha parte dos seus esforzos a contribuír ao desenvolvemento do sector audiovisual galego, cunha oferta formativa que se axusta ás demandas do mercado laboral e que atende as necesidades de promoción profesional dos seus traballadores. Prácticamente desde a súa creación, a empresa organizou foros, seminarios e cursos de formación en colaboración coa Fundación Araguaney e a Xunta de Galicia, partindo dun momento no que en Galicia non existía oferta académica no eido audiovisual.

A produtora forma parte do Grupo de Empresas Araguaney e dispón de máis de 10.000 m2 de estudios de cine e televisión distribuídos en platós de 1100, 1000, 800, 600 e 200 m2. As súas instalacións serven de factoría de produción para outras productoras e para a propia TVG, con exemplos como Pratos combinados, Libro de familia, Cifras e Letras, Land Rober, Os Tonechos e Luar.

Ademais de contar cun equipamento técnico de última xeración, tamén aposta pola innovación permanente e a investigación, así como polo desenvolvemento de ideas e de novos formatos: Buscamos unha estrela, Toda unha vida, A noite en blanco ou O rei da comedia serviron de inspiración para programas de cadeas estatais. Un equipo que ten sempre presente o reto de superarse cada día, nun mercado que obriga a facelo.