Novas 
 
 
Novas por produción

  CTV | CTV 2010

  CTV 2010

venres, 07 de maio de 2010
 
Ao longo dos seus 25 anos de vida, CTV demostrou que á parte de ser unha empresa pioneira no sector audiovisual, non lle chora ao investimento a longo prazo e non escatima esforzos en investigación. De feito, os responsables técnicos de CTV están presentes todos os anos en eventos como o NAB Show das Vegas ou o IBC de Amsterdam.


Sen sobresaltos, a empresa incorpora a última tecnoloxía segundo sae ao mercado e utilízaa nos seus produtos; desde hai máis de tres anos traballa nun entorno sen cintas.

Unha das últimas producións de ficción da empresa: O Nordés, é unha serie de gran calidade que se gravou integramente en Alta Definición e con aspecto cinematográfico. O Nordés conta entre os seus protagonistas con nomes como o de Mabel Rivera, gañadora dun Goya á mellor actriz de reparto. Os esforzos feitos non foron vans, e a recompensa sempre chega, neste caso con dous premios Mestre Mateo: á mellor realización e á mellor música orixinal.

No 2009 o Premio á Mellor Comunicadora foi para Belén Regueira polo programa O país dos ananos e no 2008 o Mestre Mateo á mellor serie de televisión foi para Air Galicia, un innovador programa de humor transgresor que saca á luz interesantes arestas da forma de ser dos galegos.

Unha mostra clara do potencial técnico e infraestrutural de CTV constitúeo a emisión semanal do programa Luar, que se fai en directo desde as súas instalacións do Plató 1000. Cada venres son tres horas de televisión en directo con persoal técnico de CTV.

E é que se algo se lle dá ben a CTV son os grandes espectáculos televisivos en directo. A empresa nunca se arreda ante un reto como é unha transmisión deste calibre, ao contrario, significa un reto que o mesmo persoal agradece, polo estimulante que resulta.

Programas como o magazine matutino Na casa ou o inesquecible Supermartes, que se emitiu en directo cada noite de martes durante oito anos, son boa proba disto.

Tamén supuxo un auténtico reto transmitir varias tempadas da serie humorística O show dos Tonechos en directo -en realidade foi a primeira serie de humor de 120 minutos emitida en rigoroso directo con público en plató en toda España-. Esta produción de CTV transmitiuse desde o Plató 800 nas mesmas instalacións de Montouto.

Xa se contaba con experiencia en gravar series con público en plató, xa que Pepe O Inglés, a comedia protagonizada por Miguel de Lira, gravárase no Plató 600 con público en plató, ao estilo de Siete Vidas. Un público que na serie de CTV se distinguiu por chegar a participar activamente no desenvolvemento das tramas.

Libro de Familia, unha serie que é líder absoluto de audiencia os domingos pola noite, prodúcese nas instalacións do Plató 1100, situado no mesmo complexo de CTV.

Ao longo destes 25 anos son innumerables os artistas que pasaron por CTV para levar a cabo o seu traballo. Desde Alfredo Landa ata Isabel Pantoja, David Bisbal, José Luís Rodríguez El Puma, Raphael, Miguel Bosé, Boney M. Mención á parte merécena as estrelas que naceron nos programas de CTV: Serxio Pazos, Roberto Vilar, As Cantareiras de Ardebullo, que naceron en Supermartes, Silvia Jato en Sabor a ti, Teté Delgado e Paco Lodeiro en Café-Café e Boris Izaguirre en Na Casa.

A traxectoria de CTV vese recoñecida xa no ano 1996, cando recibe o Premio Galicia de Comunicación ó Mellor Labor de Televisión referido á comunidade autónoma de Galicia.